Friday 03 de May de 2024

A Xunta continúa a avanzar coa USC no traballo de análise das competencias autonómicas e municipais


— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo creado no seo da comisión de seguimento do convenio asinado entre ambas entidades

A directora de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe unha nova reunión do grupo de traballo creado no marco da comisión de seguimento do convenio asinado entre a Xunta e a Universidade de Santiago (USC) en decembro do pasado ano.
Nesta nova reunión analizáronse, con representantes de Augas de Galicia, os posibles deslindes competenciais na xestión do ciclo integral da auga.

O obxectivo final do traballo é obter unha análise rigorosa en tódolos eidos que permita contar cunha delimitación clara das competencias autonómicas e municipais.

A Comisión reuniuse en anteriores sesións con representantes das consellerías de Política Social; Cultura, Educación e Universidade; Sanidade; Emprego e Igualdade; Medio Rural; Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e dos departamentos de Interior e Turismo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O acordo entre a Xunta e a Universidade de Santiago recolle a necesidade de priorizar a clarificación das competencias relacionadas coa xestión da pandemia provocada pola covid-19.

O grupo de traballo avaliará en próximas reunións as competencias noutros eidos con membros de ambas entidades e expertos na materia.